O pontevedrés Muñiz Ruiz sae da 'neveira' tres semanas despois do polémico Espanyol-Real Madrid

Pontevedra
20 de febreiro 2025
Actualizado: 13:53

O árbitro pontevedrés, que estivo dúas xornadas sen partido asignado, volverá dirixir un partido de liga en Primeira División o vindeiro luns 24 de febreiro no duelo entre Sevilla e Mallorca

Alejandro Muñiz Ruiz, no partido entre Espanyol e Real Madrid
Alejandro Muñiz Ruiz, no partido entre Espanyol e Real Madrid / LaLiga

Fin ao castigo imposto a Alejandro Muñiz Ruiz.

O árbitro pontevedrés de Primeira División foi designado para dirixir un encontro da xornada 25 de liga, tres semanas despois do choque entre Espanyol e Real Madrid que terminou envolvido en polémica ao queixarse o equipo madrileño de non castigar con expulsión unha dura entrada de Carlos Romero a Mbappé.

Nin Muñiz en directo nin o videoarbitraje despois, a cargo de Iglesias Villanueva, valoraron como vermella a acción.

O partido acabaría con vitoria por 1-0 do Espanyol, iniciando o Real Madrid unha dura campaña contra o sistema arbitral chegando a enviar á Real Federación Española de Fútbol unha carta de protesta e reclamando escoitar o audio da xogada.

Tras este partido Alejandro Muñiz estivo dúas xornadas sen arbitrar, un 'neveirazo' ao que agora se pon fin.

En concreto o Comité Técnico de Árbitros adxudicou ao colexiado internacional pontevedrés o partido entre Sevilla e Mallorca previsto para o vindeiro luns 24 de febreiro ás 21.00 horas no Estadio Ramón Sánchez-Pizjuan.

Nesta ocasión Muñiz Ruiz estará acompañado no VAR por Carlos Del Cerro Grande.

Será o decimotercer partido da tempada en Primeira División para o representante de CTA de Pontevedra, que está a vivir o seu cuarto curso na máxima categoría.

Unha etapa na que arbitrou xa 68 partidos de liga.