Portas convértese na capital do fútbol base da comarca

Umia
28 de marzo 2022

Dezaseis equipos de categoría biberón participaron durante a pasada semana nun torneo celebrado no campo da Rapeira

Torneo de fútbol base celebrado no campo da Rapeira, en Portas
Torneo de fútbol base celebrado no campo da Rapeira, en Portas / Concello de Portas

 

O campo de fútbol da Rapeira, en Portas, acolleu a pasada fin de semana o torneo de fútbol de categoría biberóns organizado pola Cultural Deportiva de Portas, no que participaron 16 equipos da contorna como o Portas, Verdugo, Alondras, Atlético Cuntis, Barro, Caldas, Beluso, Portonovo, San Martín, U.S.D. Grove e Vilalonga.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acompañado polos tenente de alcalde Alfonso Vázquez e a concelleira Ana Peña achegouse ata o lugar para contemplar as evolucións destas novas promesas.

Esta actividade motivou a presenza dun numeroso público que xerou moito dinamismo nesta xornada festiva en Portas pola actividade deportiva.

Ricardo Martínez felicitou aos organizadores de evento e manifestou a súa satisfacción porque Portas estea dando un exemplo proactivo na posta en marcha de iniciativas de carácter deportivo que fomenten hábitos saudables entre a mocidade ou, como neste caso, a cativada de curta idade.

“Para nós é fundamental o fomento da práctica deportiva entre os nosos cativos porque ademais de ser un aliciente lúdico aprenden valores de socialización como o compañerismo, a importancia de compartir, do esforzo, da búsqueda de obxectivos comúns e, sobre todo, de divertirse”, indicou o alcalde Ricardo Martínez.