Positivo inicio de ano para o Leis na Segunda División feminina

Pontevedra
09 de xaneiro 2017

O equipo pontevedrés venceu na cancha do Artilleiros Moratalaz (2-3) e aperta ao máximo a pelexa na zona baixa da clasificación. Derrota para o Cidade de Pontevedra no seu primeiro partido do ano

Partido entre Leis Pontevedra e Mora FS en Príncipe Felipe Diego Torrado

Non puido empezar mellor o ano para o Leis Pontevedra na Segunda División Feminina de fútbol sala, cun triunfo que lle permite apertar a loita na zona baixa da clasificación.

As pontevedresas venceron nun gran partido ao Artilleiros Moratalaz (2-3) e colócanse no décimo cuarto posto con 12 puntos.

O Leis comezou o partido esperando ao seu rival a media pista, sen conceder ocasións e coa intención de saír con rapidez á contra. Aínda que o plan funcionaba foi un penalti executado por Lucía o que abriu o marcador.

Laura fixo o 0-2 antes do descanso, aproveitando unha das moitas contras do seu equipo. 

Na segunda metade o guión era o mesmo, ata que no minuto 31, tras desperdiciar o Leis unha clara ocasión, o Moratalaz lograba reducir distancias.

A falta de 6 minutos as locais apostaron polo xogo de cinco, pero o que chegaría sería o terceiro tanto pontevedrés, de Ali aproveitando un roubo e case desde campo propio. As locais seguírono tentando pero só lograron poñer o 2-3 no electrónico a falta de 20 segundos.

DERROTA DO CIDADE DE PONTEVEDRA

O que segue caendo postos no Grupo I da Segunda División é o Cidade de Pontevedra, que non puido estrear o ano con triunfo na casa.

O cadro pontevedrés viuse superado polo Ordizia (1-4) e queda na undécima praza do seu grupo con 11 puntos.