Positivo inicio do Club Ciclista Marín na Copa de España de Ciclocrós

Marín
30 de outubro 2018

O club marinense, representado por Irene Trabazo, Zoe del Río e Laura Capa, conseguiu catro prazas de podio na dobre cita da competición nacional celebrada durante a fin de semana no País Vasco

Irene Trabazo, durante a Copa Galicia de ciclocrós en Marín
Irene Trabazo, durante a Copa Galicia de ciclocrós en Marín / Diego Torrado

As localidades vascas de Llodio e Elorrio deron o pistoletazo de saída a pasada fin de semana á Copa de España de Ciclocrós, cun notable papel do Club Ciclista Marín.

O conxunto marinense, que acudía á dobre cita coa tripla representación de Irene Trabazo ( sub-23), Zoe del Río (cadete) e Laura Capa (cadete), e logrou sumar ata catro postos de podio.

Trabazo debutou en Llodio coa undécima posición absoluta, cuarta sub-23, nunha carreira de categoría C-1 e marcada polo barro e pola importante participación estranxeira. Pero mellor foi o seu papel un día despois, cando en Elorrio alcanzou un meritorio sétimo posto absoluto e o segundo na categoría  sub-23, sendo a mellor ciclista española.

Non foi a única medalla para o Club Ciclista Marín, xa que na categoría cadete feminina Laura Capa conseguiu un brillante segundo posto en Llodio e un bronce en Elorrio, mentres que Zoe del Río foi terceiro en  Llodio na proba masculina cadete, completando a fin de semana cun cuarto posto en Elorrio. 

A próxima cita da Copa de España terá lugar o día 11 de novembro en Karrantza, tamén no País Vasco, mentres que a última cita será o XXIII Ciclocrós Internacional Cidade de Valencia.