Posta a punto para o piragüismo galego no Pontillón do Castro

Pontevedra
17 de febreiro 2017

A pista de piragüismo David Cal Pontillón do Castro acolle este sábado un control de 5.000 metros de kaiak e canoa para as categorías cadete, xuvenil, senior e veterano, a menos dun mes para o inicio das ligas galegas

Regata organizada pola Federación Galega no encoro de Pontillón do Castro
Regata organizada pola Federación Galega no encoro de Pontillón do Castro / Federación Galega Piragüismo

A menos dun mes para o inicio das ligas galegas de piragüismo, os clubs buscan a posta a piques dos seus padexeiros. Por iso a competición amigable organizada pola Federación Galega de Piragüismo este sábado na pista David Cal Pontillón do Castro de Verducido resultou un éxito de inscrición.

Preto de 550 deportistas daranse cita nunha xornada deportiva que está incluída no programa de seguimento da Federación.

A competición será un control de 5.000 metros para as categorías cadete, xuvenil, senior e veterano de kaiak e canoa masculino e feminino.

Os datos de inscrición confirman a tendencia á alza no número de licenzas autonómicas nos últimos anos, sendo a categoría con máis participación o kaiak senior masculino e veterano con máis de 140 padexeiros ou o kaiak cadete masculino con 78 inscritos.

O domingo, tamén no encoro de Pontillón do Castro, celebrarase o mesmo control de 5.000 metros para as categorías Infantil A e B con máis de 250 deportistas inscritos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora