O piragüismo pontevedrés exhibe o seu bo momento no Campionato Galego de Inverno

Pontevedra
06 de marzo 2017

O encoro lucense de Belesar acolleu a primeira gran competición da tempada de piragüismo, na que os clubs da comarca demostraron estar en plena forma

Jenifer Casal
Jenifer Casal / Federación Galega Piragüismo

O encoro lucense de Belesar acolleu a primeira gran competición da tempada de piragüismo co Campionato Galego de Inverno, no que os clubs pontevedreses demostraron estar en plena forma despois dunha longa pretemporada.

A competición desenvolveuse sobre a distancia de 5.000 metros e para as categorías cadete, xuvenil, senior e veterano.

Diego Romero (Breogán do Grove), levou o seu terceiro título consecutivo neste campionato no C-1 senior, mentres na categoría feminina de canoa o título foi para Jenifer Casal (EP Ciudad de Pontevedra), con Lara Outón (Breogán) e Raquel Rodríguez (Portonovo) en segundo e terceiro lugar respectivamente. No kaiak feminino Tania Álvarez (Breogán) foi segunda ao ceder no sprint final e Carla Sieiro (Piragüismo Poio) foi terceira.

En idade xuvenil Luís Rodríguez (Piragüismo Portonovo) foi primeiro en kaiak, con Joaquín Igrexas (Verducido) pechando o podio en terceira posición. Tamén gañou Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) sendo terceira Antía García (Illa de Arousa). Ademais en canoa impuxéronse Noel Domínguez (Breogán) e María Pérez (Náutico Ribadumia).

Por último en categoría cadete Raquel Torres (Verducido) gañou en kaiak por diante de dous padexeiras do Ciudad de Pontevedra, Alejandra Manso e Fátima Moreira, mentres Joaquín Iglesias (Verducido) foi terceiro. En canoa pola súa banda Manuel Fontáns (Náutico Ribadumia) fíxose co ouro e María de la Peña e Sara Abilleira (Ciudad de Pontevedra) coparon as dúas primeiras posicións na categoría feminina.

Por equipos, na categoría masculina  senior o Club Piragüismo Vilaboa foi segundo e o Club Naval de Pontevedra terceiro, mentres na feminina o Breogán do Grove foi terceiro.

Consulta aquí os resultados completos do Campionato Galego de Inverno de piragüismo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora