Ciudad de Pontevedra e Verducido Pontillón brillan no Nacional de Xóvenes Promesas de piragüismo

Pontevedra
04 de abril 2017

Na competición celebrada en Sevilla a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra fíxose co subcampionato de España por equipos, mentres o Verducido Pontillón concluíu no terceiro posto do medalleiro

Deportistas da EP Ciudad de Pontevedra no Nacional de Xóvenes Promesas de piragüismo
Deportistas da EP Ciudad de Pontevedra no Nacional de Xóvenes Promesas de piragüismo / EP Ciudad de Pontevedra

As augas do Río Guadalquivir, en Sevilla, foron testemuñas durante a fin de semana dun festival do piragüismo galego e tamén pontevedrés no Campionato de España de Xóvenes Promesas.

O título por equipo foi para o Náutico de Pontecesures con 2.303 puntos, quedando moi preto a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, que se fixo co subcampeonato nacional con 2.236 puntos mellorando o terceiro lugar conseguido en 2016.

Fíxoo o club pontevedrés grazas a un equipo con 28 padexeiros dos que seis subiron ao podio. Así, Antía Otero conseguiu a primeira posición na categoria C-1 infantil A con Ángela Jorge segunda, Alejandra Manso venceu na proba K-1 cadete B, Lucía Graña fíxose coa prata no C-1 infantil B, María de la Peña foi segunda no C-1 cadete e Ángel Fuego foi bronce tamén no C-1 cadete.

"A nosa actuación neste campionato foi impresionante. Sabiamos que había nivel, pero sempre é unha sorpresa conseguir estar entre os tres primeiros postos a nivel nacional", declarou tras o campionato o presidente do club, Óscar Ponte.

Pero non foi o único club pontevedrés con actuación destacada. Se o Ciudad de Pontevedra foi segundo do medalleiro (dous ouros, dúas pratas e dous bronces), o terceiro posto nesta clasificación foi para o Club Piragüismo Verducido Pontillón grazas a dúas medallas de ouro, as conseguidas por Raquel Torres no K-1 cadete e Anxo García no K-1 infantil.

En canto ao resto de resultados de deportistas da comarca, destacou o canoista Manuel Fontán (Náutico O Muiño) ao levar a medalla de ouro na categoría cadete A, despois de dominar toda a regata e chegar a meta cun minuto de vantaxe sobre o segundo clasificado.