O II Open Cidade de Pontevedra, Copa de España de piragüismo na modalidade de medio maratón, encheu de embarcacións e deportistas as augas do río Lérez durante gran parte da xornada do sábado.
Eran máis de 600 os padexeiros inscritos de 61 clubs de todo o estado, pero o que máis brillou foi un dos equipos locais, sendo profeta na súa terra.
A Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra levou o triunfo por equipos tras sumar 395 puntos entre todas as categorías, desde a cadete ata a de veteranos, superando así o Club Piragüismo Pamplona (328 puntos) e o Kayak Tudense (313), que pechou o podio.
O club pontevedrés sumou un total de catro medallas, destacando o ouro logrado por Jennifer Casal na categoría C-1 senior, na que superou a Raquel Rodríguez (Piragüismo Portonovo) e Lara Outón (Breogán), prata e bronce respectivamente.
Tamén foi destacado o papel do Verducido-Pontillón, cuarto no medalleiro (dous ouros) para finalizar na undécima posición da clasificación por equipos (198 puntos).
Entre o resto de categorías cabe destacar ademais o triunfo do pontevedrés Óscar Graña e o insular Ramón Ferro (Kayak Tudense) no C-2, rememorando a medalla de prata conseguida o pasado verán no Campionato de Europa celebrado en Pontevedra.
Consulta aquí os resultados completos do II Open Cidade de Pontevedra de piragüismo maratón.