Adrián Sieiro, protagonista da Copa de España de 1.000 metros en Trasona

Pontevedra
24 de abril 2017

O padexeiro pontevedrés do Piragüismo Poio doutorouse en distancia olímpica ao conseguir o triunfo no C-1 1.000 metros e no C-2 1.000 metros, no que competiu xunto a Sergio Vallejo. O Breogán do Grove, mellor club na categoría feminina

Adrián Sieiro (centro) no podio da Copa de España de Piragüismo en Trasona
Adrián Sieiro (centro) no podio da Copa de España de Piragüismo en Trasona / Federación Galega Piragüismo

Gran resultado o logrado por Adrián Sieiro no encoro asturiano de Trasona, no que se doutorou en distancia olímpica ao conseguir un dobrete na Copa de España de Piragüismo en Augas Tranquilas.

O padexeiro pontevedrés do Piragüismo Poio logrou por primeira vez a medalla de ouro en dúas probas na categoría absoluta, ao impoñerse no C-1 e no C-2 1.000 metros.

Na canoa individual Sieiro liderou a regata e impúxose cun tempo de 4 minutos e 11 segundos a Brais Casas (Kayak Tudense) e a Diego Romero (Breogan do Grove). Ademais impúxose na mesma distancia no C-2 xunto ao seu compañeiro Sergio Vallejo, ao superar de maneira axustada a Brais Casas e José Luis Bouza (Kayak Tudense) e por máis marxe a Diego Romero e José Manuel Sánchez (Breogán), segundos e terceiros respectivamente.

Os resultados foron moi positivos para o piragüismo pontevedrés, cun segundo posto do Breogán do Grove na categoría feminina grazas, entre outras probas, á medalla de prata no kaiak de Tania Álvarez e Natalia García.

En idade xuvenil chegaron tamén boas noticias con Luís Rodríguez (Piragüismo Portonovo), segundo no K-1 gañando o dereito para acudir ao campionato do Mundo da súa categoría. Ademais Carolina García (Ciudad de Pontevedra) foi segunda no K-1, María Pérez (O Muíño) levou o ouro no C-1 por diante de Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) e Noel Domínguez (Breogán) e Pablo Rodróguez (Poio) entraron segundo e terceiro no C-1 1.000 masculino.

En barcos dobres Luís Rodríguez e Francisco Silva (Portonovo) lograron o ouro no kaiak e Noel Domínguez e Juan Ortiz (Breogán) foron bronce na canoa.

Por último, nas probas de embarcacións K-4 e C-4, o Piragüismo Poio venceu na canoa senior masculina e o Breogán foi terceiro no kaiak feminino, e en categoría xuvenil o K-4 do Piragüismo Portonovo foi segundo nos 1.000 metros e primeiro nos 500 metros redondeando un gran resultado para o piragüismo pontevedrés.