Quinto posto para Adrián Sieiro e Sergio Vallejo na Copa do Mundo de Szeged

Pontevedra
27 de maio 2017

Os padexeiros do Poio Pescamar quedaron a menos dun segundo do podio na final do C-2 1.000 metros, mesma proba que remarán no próximo Campionato de Europa de Piragüismo

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo durante o Campionato Galego en Verducido
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo durante o Campionato Galego en Verducido /

Despois de lograr no recente selectivo a clasificación para o próximo Campionato de Europa de Piragüismo, Adrián Sieiro e Sergio Vallejo testaron este sábado o seu nivel internacional na Copa do Mundo de Szeged, Hungría.

Fixérono ademais cun resultado que confirma a súa progresión, un quinto posto no C-2 1.000 metros.

Os padexeiros do Piragüismo Poio Pescamar non conseguiron o obxectivo de entrar no podio, pero cun tempo de 3:28.904 quedaron a menos dun segundo da terceira posición. Os gañadores na súa proba foron os polacos Kaminski e Slominski (3:27.543).

Tras a final do C-2 1.000 metros celebrada pola mañá, pola tarde Sieiro e Vallejo tomaron parte nas series dos 500 metros, sendo terceiros na semifinal e logrando o pase á final.

O gran resultado para o piragüismo galego en Hungría logrouno o tudense Roi Rodríguez, cunha meritoria medalla de bronce no K-1 1.000 metros nunha final na que estaban presentes o vixentes campión e subcampión olímpicos.

Por outra banda o cangués Rodrigo Germade e o tudense Óscar Carrera rozaron o podio na final do K-2 500 metros ao concluír cuartos.