Poucas opcións de remontar para o Mapfre no tramo final da Etapa 4 da Volvo Ocean Race

Sanxenxo
17 de xaneiro 2018

A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo encara as últimas 48 de navegación antes de chegar a Hong Kong desde a quinta posición provisional 

Támara Echegoyen, durante a Etapa 4 da Volvo Ocean Race
Támara Echegoyen, durante a Etapa 4 da Volvo Ocean Race / Ugo Fonollá / Mapfre / Volvo Ocean Race

A frota da Volvo Ocean Race encara a fase final da Etapa 4, entrando nas últimas 48 horas de navegación nunha situación que non é a desexada para o Mapfre.

A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo, líder provisional da Volta ao Mundo a Vela, sufriu as complicadas condicións meteoróloxicas da etapa, especialmente na zona de calmas ao cruzar o ecuador, e marcha na quinta posición provisional.

Polo menos é así en teoría, porque no parte oficial de posicións deste mércores ás 14:00 horas o Dongfeng, que navega no grupo dianteiro, entrara en modo sixilo, polo que a súa posición non se reflicte na táboa de postos.

Na cabeza da frota navega o Team Sun Hung Kai Scallywag con 93,4 millas de vantaxe sobre o Vestas e 169,1 millas sobre o Team AkzoNobel. Pola súa banda o Mapfre navega a 236,5 millas de distancia.

As posibilidades de remontar posicións son xa escasas, polo que o desafío español no que navega a pontevedresa Támara Echegoyen céntrase agora en manter baixo control ao Team  Brunel e ao Turn The Tide On Plastic, que se intercambiaron as posicións e están agora a 31 e 59 millas respectivamente por detrás.

Segundo as estimacións, o Mapfre cruzará a liña de meta en Hong Kong o vindeiro venres 19 de xaneiro ao longo da tarde, segundo o horario español.