O Mapfre gaña unha posición na súa chegada a Hong Kong e mantense líder da Volvo Ocean Race

Sanxenxo
20 de xaneiro 2018

A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo finalizou cuarto a etapa debido ao incidente do Vestas, que se retirou tras protagonizar un accidente cun barco local no que un pescador resultou falecido

O Mapfre a súa chegada a Hong Kong na cuarta etapa da Volvo Ocean Race
O Mapfre a súa chegada a Hong Kong na cuarta etapa da Volvo Ocean Race / María Muíña / Mapfre in the Volvo Ocean Race

O desafío español da Volvo Ocean Race xa está en terra tras completar a Etapa 4 da Volta ao Mundo a Vela, unha etapa que resultou complicada para a embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo pero que lle permite seguir como líder da clasificación xeral.

Nas últimas horas de navegación o Mapfre gañou unha posición para chegar á meta de Hong Kong na cuarta posición, debido a un desgraciado accidente dun dos seus rivais, o Vestas, que se retirou da etapa tras chocar cun pesqueiro a poucas millas da chegada nun incidente que se saldou cun falecido, membro da tripulación local.

O equipo español investiu un total de 17 días, 22 horas, 36 minutos e 10 segundos en completar as máis de 6.000 millas que lles levaron desde Melbourne (Australia) ata Hong Kong.

O podio da etapa foi ocupado polo SHK/ Scallywag, que fixo historia logrando o seu primeiro triunfo no seu porto de orixe, o Dongfeng Race Team e o Team Akzonobel.

Desta forma o Mapfre, que de novo contou coa pontevedresa Támara Echegoyen a bordo, mantense á fronte da xeral con 33 puntos, 4 máis que o Dongfeng e con 10 de vantaxe sobre o Vestas.

Tras un merecido descanso a frota da Volvo Ocean Race comezará a preparar a Etapa 5 e a competición, que pasa por ser a máis curta da edición con apenas 100 millas náuticas entre Hong Kong e Guangzhou, con saída o próximo 1 de febreiro.