Gran resultado para o catamarán olímpico do pontevedrés Fernando Echávarri e a súa compañeira Tara Pacheco no campionato de Europa de Nacra 17.
Tras seis xornadas de competición en augas de Gdynia (Polonia), a tripulación española proclamouse subcampioa de Europa de Nacra 17 -bronce na clasificación open- despois de pelexar entre os postos altos da táboa desde a primeira xornada de campionato.
En total, Fernando e Tara acumularon na súa marcadora tres vitorias e outros catro podios parciais nas 14 probas de clasificación disputadas, o que lles permitiu acceder á Medal Race cunha vantaxe de 20 puntos sobre o cuarto clasificado e coa terceira posición da xeral open xa asegurada.
Finalmente, cun oitavo na gran final, os regatistas Movistar sentenciaban o Europeo no terceiro caixón do podio absoluto e segundos na clasificación europea.
Unha vez en terra, Echávarri mostrouse satisfeito polo campionato. Explicou que "o ano pasado fomos segundos no Europeo e este ano non pensabamos que estariamos tan arriba, sobre todo por falta de horas e polos puntos fracos que aínda temos que mellorar, pero conseguimos non fallar nas condicións que se nos dan ben e iso deunos marxe para os días nos que houbo vento co que non imos tan ben".
Por diante, os italianos Ruggero Tita e Caterina Banti son os novos campións de Europa da clase tras dominar a clasificación desde o principio do campionato. O segundo caixón do podio ocupouno nesta ocasión o equipo neozelandés formado por Gemma Jones e Jason Saunders.
Agora, Fernando e Tara regresan a casa co obxectivo de repoñer forzas antes de viaxar a Aarhus para o Mundial de Nacra 17, que se celebrará o próximo mes de agosto.
Para ese Mundial, sinalou o pontevedrés, "temos que tentar manter as cousas boas que temos e reforzar os problemas que tivemos nas condicións nas que fallamos". Engadiu que "non temos todo o tempo que nos gustaría por diante, pero sen dúbida imos tentar facer un bo campionato".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.