Prata para Tania Álvarez e un segundo ouro para Tono Campos na última xornada do Mundial de Maratón

Pontevedra
20 de outubro 2019

O Campionato do Mundo de Maratón de piragüismo de China chegou á súa fin e o protagonismo galego quedou reflectido nas seis medallas conseguidas do total das nove españolas

Tania Fernández e Tania Álvarez, subcampioas do mundo de Maratón
Tania Fernández e Tania Álvarez, subcampioas do mundo de Maratón

O Campionato do Mundo de Maratón de piragüismo de China chegou á súa fin e o protagonismo galego quedou reflectido nas seis medallas conseguidas do total das nove españolas.

Nesta última xornada disputada durante a madrugada do sábado, Tono Campos e Diego Romero proclamáronse campións do mundo na proba de C-2, o que supuxo a terceira medalla para Campos e a segunda para Diego neste Mundial.

Pola súa banda, a grovense Tania Álvarez xunto coa súa compañeira Tania Fernández, proclamáronse subcampioas do mundo de maratón en K-2. Durante a proba de case 26 quilómetros de percorrido, as galegas chegaron a ser líderes, pero a embarcación das húngaras Zsofia Czellai-Voros e Renda Csay foi superior e finalmente levaron o ouro cunha diferenza de tan só tres segundos.

En K2 masculino, o pontevedrés Jaime Sobrado xunto co tudense Iván Alonso, quedaron ás portas do podio ao finalizar en cuarto lugar; Óscar Graña e Pedro Areal, tamén do Kayak Tudense, foron quintos en C-2 confirmando a súa experiencia neste tipo de competicións e Manuel Garrido, aspirante ao podio, quedou preto de conseguir o desafío pero finalizou cuarto na especialidade de C-1.

Con este Mundial de maratón péchase a tempada de competicións oficiais e comeza o adestramento para a próxima tempada.