O partido que o Pontevedra xogará o próximo sábado 1 de agosto ante o Real Valladolid podería ser o único que dispute na casa o equipo granate durante toda a pretempada.
Así asegurouno a presidenta, Lupe Murillo, na presentación do XXXIX Trofeo Cidade de Pontevedra, que os enfrontará ao conxunto pucelano no segundo compromiso amigable para o bloque adestrado por Luisito, tras o que xogan este mércores en Redondela ante o Choco.
O mal estado do céspede de Pasarón, que tras o play-off ten resementado e sometido a varios labores de mantemento, desaconsella xogar alí máis partidos ata que empece a liga.
Esta situación deixa no aire o tradicional Trofeo Luis Otero, ao que se une a dificultade de encontrar un rival de nivel, posto que Deportivo e Celta de Vigo declinaron o convite ao ter pechada xa a pretempada. Neste sentido falouse tamén co Club Deportivo Lugo porque"no queríamos bajar la categoría del Luis Otero", explicou Murillo.
Por iso o partido do sábado ante o Valladolid pode ser a única ocasión de que os afeccionados coñezan aos novos integrantes do equipo sen desprazarse, ao que se engade o amigable en Marcón o 5 de agosto.
O prezo das entradas para o Cidade de Pontevedra fixouse en 16 euros para Tribuna, 12 en Preferencia e 8 euros nos fondos. Ademais os xuvenís poderán acceder ao estadio por 5 euros e os infantís por 3.
SATISFACCIÓN POLO INICIO DA CAMPAÑA DE SOCIOS
Lupe Murillo tamén expresou ante os medios de comunicación a súa satisfacción polos dous primeiros días da campaña de socios, nos que asegura rexistrouse unha notable asistencia de afeccionados nas oficinas de Pasarón. Ademais sinalou que, dos carnés retirados, "el 27% son abonados nuevos".