O litoral marinense volverá contaxiarse de espírito deportivo coa celebración da Carreira Carmiña, na súa cuarta edición.
A proba popular celebrarase o vindeiro domingo 8 de xuño, pero antes foi presentada en sociedade pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o seu organizador, Víctor Riobó.
A saída da proba absoluta, con 10,6 quilómetros de percorrido, terá lugar ás 10:00 horas desde a praia de Lapamán para finalizar no paseo marítimo marinense.
Segundo os datos facilitados pola organización, serán preto de 400 os participantes na cuarta Carreira Carmiña.
A maiores da carreira absoluta, tamén se celebrará unha Mini-Carmiña con 5,4 quilómetros con saída ás 10.30 horas desde o Náutico de Aguete.
Por último completarán a programación as categorías de menores, con actividades no Paseo Alcalde Blanco.
O obxectivo do evento, afirma Víctor Riobó, é atraer a ""persoas de distintos puntos de España, que veñan correr a Marín e a desfrutar dunha fin de semana en Galicia".
"Estamos convencidos que será unha cita ineludible para coñecer dun xeito diferente a nosa contorna, a nosa paisaxe", afirmou pola súa banda a alcaldesa.