A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) publicou este martes as bases que rexerán todas as súas competicións, entre elas a Primeira RFEF na que competirá o Pontevedra Club de Fútbol tras o seu ascenso de categoría.
As normas confirman un sistema de competición xa coñecido para a categoría, con dous grupos de 20 equipos cada un, ascenso para o campión, catro prazas de play-off de ascenso e cinco descensos por grupo, ademais dos requisitos mínimos esixidos a cada equipo respectivos a aspectos económicos ou instalacións.
Tamén se establece unha antelación mínima de tres xornadas para coñecer os horarios concretos de cada xornada.
"Os horarios serán determinados polo Departamento de Competicións da RFEF, a proposta do operador televisivo, cunha antelación mínima de 3 xornadas previas á disputa dos encontros", sinala o documento da RFEF.
Será, confirma a Federación, un calendario asimétrico, o que supón que a orde de enfrontamentos non será o mesmo na primeira e segunda volta do campionato.
No que respecta a ese calendario de competición, darase a coñecer o vindeiro martes 1 de xuño a partir das 20.00 horas xunto ao do resto de categorías nacionais nun acto que se celebrará na localidade abulense de San Juan de la Nava.
Antes debería coñecerse a repartición definitiva dos dous grupos da Primeira RFEF, coa división norte-sur como a que conta con maior número de apoios.
Con respecto deste e outros temas por decidir, a RFEF ten fixada a súa Asemblea Xeral Ordinaria o día 30 de xuño en Las Rozas.