As instalacións do Club de Tenis Pontevedra na Caeira acollen desde este luns a segunda edición do Torneo Pontevedra Internacional U14, unha competición incluída dentro do circuíto Tennis Europe e na que participan campións nacionais de varios países.
É a primeira tempada internacional para moitos destes deportistas, que non desaproveitan a súa oportunidade para brillar e empezar a deixar chispas da súa calidade.
Así ocorreu xa desde os primeiros partidos do cadro final do torneo, onde destacaron por exemplo a danesa Emilia Henningsen cun dobre 6-0 fronte á galega Branca Talín, e a portuguesa Inés Magalhaes que repetiu resultado ante a tamén local Elba de Prado. Ademais a irlandesa Nel Berdychowska venceu 6-1 e 6-0 á pontevedresa Catalina Lariño.
Este martes, xunto a partidos de dobres, estaba previsto ademais o inicio da competición individual masculina entrando en acción novas como o xaponés Yuto Hisano, o portugués Santiago Vasco ou tamén o murciano Jaime Alcaraz, irmán do actual número 3 da ATP, entre outros.
O Torneo Pontevedra Internacional U14 concluirá o vindeiro sábado 21 de setembro.