Primeiras chispas de calidade no Torneo Pontevedra Internacional U14 de tenis

Pontevedra
17 de setembro 2024

As pistas do Club de Tenis Pontevedra acollen desde este luns a segunda edición do Torneo Pontevedra Internacional U14, do circuíto Tennis Europe e no que participan campións nacionais de varios países

Primeira xornada do Torneo Pontevedra Internacional Junior U14 2024 Federación Galega de Tenis

As instalacións do Club de Tenis Pontevedra na Caeira acollen desde este luns a segunda edición do Torneo Pontevedra Internacional U14, unha competición incluída dentro do circuíto Tennis Europe e na que participan campións nacionais de varios países.

É a primeira tempada internacional para moitos destes deportistas, que non desaproveitan a súa oportunidade para brillar e empezar a deixar chispas da súa calidade.

Así ocorreu xa desde os primeiros partidos do cadro final do torneo, onde destacaron por exemplo a danesa Emilia Henningsen cun dobre 6-0 fronte á galega Branca Talín, e a portuguesa Inés Magalhaes que repetiu resultado ante a tamén local Elba de Prado. Ademais a irlandesa Nel Berdychowska venceu 6-1 e 6-0 á pontevedresa Catalina Lariño.

Este martes, xunto a partidos de dobres, estaba previsto ademais o inicio da competición individual masculina entrando en acción novas como o xaponés Yuto Hisano, o portugués Santiago Vasco ou tamén o murciano Jaime Alcaraz, irmán do actual número 3 da ATP, entre outros.

O Torneo Pontevedra Internacional U14 concluirá o vindeiro sábado 21 de setembro.