Primeiras renovacións do Bádminton Ravachol para unha nova tempada en División de Honra

Pontevedra
08 de xullo 2026

O equipo pontevedrés anunciou nos últimos días a continuidade de Gabriel Fernández, Georgina Bland e Raúl Bergua de cara ao próximo curso na máxima categoría

Gabriel Fernández nun encontro co Bádminton Ravachol

O Bádminton Ravachol Pontevedra traballa desde hai días na confección do seu equipo para a próxima tempada en División de Honra tras asinar unha histórica campaña na máxima categoría nacional.

E é que o equipo pontevedrés finalizou o pasado curso cun meritorio terceiro posto tras caer nas semifinais da loita polo título, unha rolda que alcanzaron por segunda vez na historia do club e que, ademais, coincidiu co seu décimo aniversario.

Este resultado foi valorado como un "éxito rotundo" por Jesús Pereiro, director deportivo da entidade, e desde o propio club aseguraron que traballarían con ambición na próxima tempada porque "queremos máis".

Os primeiros pasos deste traballo para afrontar unha nova tempada na elite do bádminton nacional materializáronse nos últimos días coas primeiras renovacións anunciadas polo club. Trátase da continuidade de Gabriel Fernández, Georgina Bland e Raúl Bergua.

A primeira destas renovacións en facerse oficial foi a de Gabriel, peza fundamental e capitán do proxecto do club pontevedrés que achegará a súa experiencia e liderado na nova andaina do Ravachol.

Outro dos alicerces do club como é Georgina Bland tamén conitnuará no equipo por sétima tempada consecutiva. A inglesa converteuse nunha peza fundamental do proxecto ao longo dos últimos anos.

Se Gabriel e Georgina ocupan un papel fundamental tanto no pasado como no presente da escuadra lerezana, o futuro da entidade pasa por xogadores como Raúl Bergua. O club anunciou nas últimas horas a súa aposta pola continuidade deste novo talento de cara ao próximo curso.

Estes son os primeiros movementos nun Badminton Ravachol Pontevedra que xa traballa a pleno rendemento para confeccionar o equipo que competirá, un ano máis, en División de Honra.