Primeiro día na oficina para un renovado Marín Futsal: "Non hai ningún obxectivo máis aló da permanencia"

Marín
07 de agosto 2023

O conxunto marinense, cun proxecto practicamente novo para o que será o seu terceiro ano consecutivo na máxima categoría, iniciou este luns 7 de agosto a pretemporada cunha dobre sesión de adestramento

Primeiro adestramento do Marín Futsal 23-24 Mónica Patxot

O terceiro ano do Marín Futsal na máxima categoría do fútbol sala nacional comezou este luns 7 de agosto co inicio da súa pretempada.

O cadro marinense, que experimentou unha profunda renovación nas súas filas, púxose o mono de traballo desde o primeiro día cunha dobre sesión de adestramento no pavillón da Raña.

De novo con Ramiro López como responsable do banco, o Marín Futsal pechou nas últimas semanas ata 10 incorporacións.

"Imos ver ata onde podemos chegar, non hai ningún obxectivo trazado máis aló da permanencia en Primeira División, que non é fácil", defendeu o técnico lembrando que o seu equipo "comeza practicamente de cero" e o importante é agora "empezar a coñecernos e ir creando un equipo aos poucos". 

Só Café, Adri, Inés Mayan e María Estévez repiten no plantel, ao que chegaron Patri Arruti, Ana Pinto, Marina Groba, Antía Mariño, Carolina Bravo, Lucía Serrano, Debora Lavrado, Carolina Pedreira, Ana Cunha e Daniela Rodríguez.

Completan os adestramentos as mozas Alejandra Faría, Raquel Rivero, Ainhoa Gil e María Dóminguez coa intención de convencer o corpo técnico e sumarse para todos os efectos ao persoal.