Primeiro exame de pretempada para o Poio Pescamar

Poio
19 de agosto 2016

O equipo vermello afronta esta fin de semana un triangular en Ourense ante dous rivais da máxima categoría, o Ourense Envialia e o actual campión de liga, o Burela. Ademais, xa coñecen aos seus rivais na primeira fase da Copa Xunta, que debe xogar durante o mes de setembro

Silvia Aguete adestrando co Poio Pescamar
Silvia Aguete adestrando co Poio Pescamar / Cristina Saiz

Despois de tres semanas de adestramento, chega a primeira gran proba de nivel para o Poio Pescamar.

O equipo adestrado por Marcio Santos afronta esta fin de semana un triangular en Ourense que medirá o seu nivel competitivo ante dous esixentes rivais, tamén da Primeira División Feminina, como o Ourense Envialia e o actual campión de liga, o Burela.

Ademais o cadro vermello xa coñece aos seus rivais na primeira fase da Copa Xunta, que compaxinará co inicio da liga xa que debe xogarse entre o 1 e 20 de setembro.

Á espera de fixar as datas dos partidos, o Poio enfrontarase ao Valdetires de Ferrol, equipo recentemente descendido a Segunda, e El Olivo (Liga Autonómica), no Grupo D do torneo.

Por outra banda o Leis Pontevedra participará no Grupo C xunto a Cidade das Burgas (Primeira División) e A Estrada Futsal (Liga Autonómica).