Primeiro exame na Copa de España Elite e Sub-23 para o Froiz

Pontevedra
23 de febreiro 2017

O equipo pontevedrés aspira a realizar un bo papel no LI Circuito del Guadiana que se disputa o vindeiro domingo 26 de febreiro en Don Benito, Badaxoz, primeira proba puntuable da Copa de España

Concentración de pretempada do Froiz 2017 Mónica Patxot

Despois do seu bo arranque de tempada en Almagro, onde logrou un dobre triunfo por medio de Leonel Coutinho, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz afronta o primeiro exame importante do ano.

O equipo pontevedrés competirá este domingo 26 de febreiro no LI Circuito del Guadiana que se celebra en Don Benito, Badaxoz, na que é a primeira proba puntuable da Copa de España Elite e Sub-23.

O director do Froiz, Evaristo Portela, recoñeceu recentemente que a Copa de España é un dos grandes obxectivos da campaña, polo que aspiran a mostrarse competitivos desde a primeira carreira do calendario, das nove que o compoñen nesta ocasión ata o próximo 14 de maio.

Portela repetirá a formación que tan bos resultados deulle no XVIII Memorial Manuel Sanroma a pasada fin de semana, coa única ausencia de Pedro Merino por ser obrigatorio unha formación de sete ciclistas na Copa de España, e non oito como en Almagro.

A dúbida na escuadra alimenticia está en se David González recuperará a tempo da caída sufrida na primeira competición do ano. De non ser así o seu posto no equipo ocuparíao Miguel Ángel Alcaide. O resto da formación do Froiz no Guadiana compóñena Martín Lestido, Ángel de Julián, Leonel Coutinho, Antonio Portela, Alejandro Regueiro e Martín Bouzas. 

O percorrido da clásica estremeña será o habitual, cun circuíto que parte de Don Benito e pasa po La Haba, Magacela e Villanueva de la Serena, de 42,8 quilómetros, ao que se darán catro voltas ata alcanzar un total de 171,4 quilómetros. A saída darase ás 10:00 horas sendo deterninantes as catro ascensións a Magacela, que determinarán o gañador da montaña, e os tres pasos intermedios por Don Benito, que terán a consideración de meta volante e decidirán o liderado desta clasificación.