Primeiro podio da tempada para Lucía Vázquez

Vilaboa
15 de marzo 2016

A biker de Vilaboa terminou segunda no BTT Vila Franca, primeira proba puntuable da Taça Portugal 2016 

Lucía Vázquez (esquerda) no podio do BTT Vila Franca Lucía Vázquez

Lucía Vázquez concluíu na segunda posición o BTT Vila Franca, primeira proba puntuable da Taça Portugal 2016 na modalidade olímpica de cros country olímpico (XCO), no que supón o seu primeiro podio da tempada.

A biker de Vilaboa viuse superada pola ucraína Nataljia Krompets, mentres a estoniana Maaris Meier foi terceira.

"Tiven moi boas sensacións e estou contenta co resultado", sinalou tras a proba Lucía, nunha competición portuguesa na que defende o título logrado a pasada campaña.

Krompets marcou un tempo dunha hora e 25 minutos e avantaxou á vilaboense en preto de dous minutos e medio, mentres Meier entrou en meta a catro minutos da vencedora.

En Vila Franca Lucía explica que "mantiven o ritmo e a posición toda a carreira porque a diferenza coa primeira sempre roldaba os dous minutos. Sabía que non ía alcanzala, polo que me centrei en controlar e confirmarme co segundo posto".

O próximo Lucía Vázquez repetirá experiencia en Portugal coa segunda cita puntuable da Taça, no XCO Internacional de Marrazes en Leiria, proba de categoría C1.