Lucía Vázquez ascende ao liderado en Portugal

Vilaboa
12 de abril 2016

A ciclista de Vilaboa finalizou segunda na terceira proba puntuable da Taça de Portugal celebrada en Valongo e situouse á fronte da clasificación xeral 

Lucía Vázquez durante a Taça de Portugal en Valongo
Lucía Vázquez durante a Taça de Portugal en Valongo

Un segundo posto na localidade lusa de Valongo serviulle a Lucía Vázquez para situarse no liderado da Taça de Portugal do Cross Country Olímpico, competición na que defende título.

A biker de Vilaboa suma despois de tres probas 75 puntos, os mesmos que a estoniana Maaris Meier e con 15 de distancia sobre a ucraína Natalja Krompets.

A sueca Asa Erlandsson impúxose no circuíto da localidade lusa de Valongo avantaxando en 2 minutos e 48 segundos á corredora galega e en case cinco minutos a Meier.

"O arrefriado que se instalou no meu corpo fíxomo pasar moi mal e perder todas as opcións de levarme o primeiro posto", explicou tras a proba Lucía, que ademais acusou o mal estado do percorrido polas últimas choivas.

Ademais, o segundo posto asinado en Valongo outórgalle a Vázquez 40 puntos no ránking mundial ao tratarse dunha competición de nivel C1 para a Unión Ciclista Internacional.