Primeiro test internacional da tempada olímpica para Bea Gómez na Amsterdam Swim Cup

Pontevedra
10 de decembro 2015

A nadadora pontevedresa afronta a súa primeira gran competición internacional da tempada en piscina de 50 metros dentro da programación enfocada a conseguir a clasificación olímpica. Nadará esta fin de semana en Holanda un programa con cinco probas

Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra
Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra / Diego Torrado

Do mesmo xeito que o resto do equipo nacional, Bea Gómez renunciou a participar no recente Europeo de Piscina Curta para centrar os seus esforzos na piscina de 50 metros, dentro dunha programación que esta tempada está enfocada a conseguir a clasificación olímpica.

Nesa planificación, a Amsterdam Swim Cup que se disputa esta fin de semana supón o primeiro gran test internacional para a pontevedresa con vista aos Xogos de Río.

Os nadadores españois xogaranse o pasaporte olíumpico no Open de Primavera, pero a cita holandesa si é clasificatoria, por exemplo, para os deportistas locais.

En total serán máis de 200 competidores de 16 países os que se darán cita nun evento no que Bea Gómez afrontará cinco probas. A deportista do Club Natación Galaico comezará o venres 11 de decembro cos 400 estilos e 200 libre, o sábado está inscrita nos 400 libre e 200 estilos e o domingo completará a súa actuación cos 800 libre.

Xunto a ela o equipo nacional convocou outros 15 nadadores, entre os que se atopa tamén a ribeirense María Vilas.