Primeiros pasos dunha tempada histórica para o Peixe Galego

Marín
25 de agosto 2016

O equipo marinense, ademais de confirmar a incorporación do ala-pívot Marc Bauza, iniciou este xoves a preparación para a que será a súa primeira campaña na Liga LEB Ouro. Fíxoo cunha leve sesión de adestramento no pavillón da Raña, aínda que non será ata o vindeiro luns, coa chegada dos xogadores estranxeiros, cando Javi Llorente poida contar con todo o plantel á súa disposición

Primeiro adestramento do Peixe Galego 16/17
Primeiro adestramento do Peixe Galego 16/17 / PontevedraViva

O Peixe Galego puxo o mono de traballo este xoves para iniciar a preparación dunha tempada histórica, a do seu debut na Liga LEB Ouro de baloncesto.

O equipo marinense confirmou ademais a incorporación do ala-pívot Marc Bauza, xogador xoven de 2,06 metros de altura que chega como cedido polo Joventut de Badalona.

A pretempada arrincou cunha leve sesión de adestramento no pavillón da Raña pero sen todos os efectivos. Só sete xogadores do primeiro plantel vestiron de curto, a falta da chegada do canadense Joe de Ciman, o citado Marc Bauza e Gregorio Adón, a quen problemas burocráticos atrasan a súa volta a España.

En total, 10 xogadores que Javi Llorente espera ter á súa disposición desde o vindeiro luns nun plantel ao que aínda lle falta unha peza, un pívot titular cuxa contratación está encamiñada a falta de pequenos flocos. 

Coa súa chegada daríase por pechado un equipo pensado para competir de igual a igual cos rivais de LEB Ouro e que terá como único obxectivo a permanencia na segunda categoría do baloncesto nacional