Sen tempo para lamentarse da derrota encaixada en Ponferrada, o Pontevedra pasou páxina e xa pensa na próxima xornada ligueira, na que recibirá no Estadio Municipal de Pasarón á Cultural Leonesa (sábado, 20:00 horas).
A cita prevese como complicada e á vez importante para os granates no seu obxectivo de consolidar a cuarta praza que dá dereito a xogar o play-off de ascenso.
Por ese motivo o club anunciou unha nova campaña promocional da que poderán beneficiarse os abonados co obxectivo de aumentar a asistencia ao estadio e que Pasarón rexistre "un ambiente excepcional" ante a Cultural, equipo que ata esta última xornada dominaba a clasificación e que agora caeu á terceira praza.
A promoción é idéntica á deseñada para o partido ante o Tudelano. Cada socio poderá retirar de balde unha entrada para a súa mesma bancada para un acompañante, e poderá adquirir ademais unha segunda cun 50% de desconto. Esta promoción poderase facer efectiva ata o vindeiro venres nas oficinas de Pasarón.
A acción completarase coa repartición de invitacións entre os escolares e convidarase a equipos de fútbol base da cidade.
SUBIDA DO PREZO DAS ENTRADAS NO DESPACHO DE BILLETES
A iniciativa destinada aos socios contrasta coa subida de prezos no despacho de billetes para os demais afeccionados que acudan ao estadio o vindeiro sábado, xa que as entradas custarán 25 euros na bancada de Tribuna, 20 en Preferencia e 15 euros nos fondos, mentres o público xuvenil e infantil deberá abonar 5 e 3 euros respectivamente.
FESTA GRANATE PARA AMBIENTAR A PREVIA
A agrupación de peñas Norte 1941 pretende amenizar a previa do choque ante os leoneses coa 'Festa granate 3/4', que contará con tres partes: unha sesión vermú con pulpeiro e concerto, un xantar popular e unha previa ao partido con cócteles e concerto que se celebrará no aparcadoiro traseiro do Pavillón Municipal dos Deportes.
Para o xantar é necesario realizar reserva previa retirando os tickets no Bar Breogán ou nas oficinas do Pontevedra.