A Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) uniron forzas este martes 22 para promover a inserción laboral dos deportistas de alto nivel (DAN) da comunidade.
O acordo, asinado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra polo vicepresicente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández; e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, busca facilitar prácticas en empresas, difundir ofertas de emprego e achegar o tecido empresarial aos valores do deporte.
O acto contou coa presenza dunha decena de deportistas galegos de elite, entre eles a piragüista olímpica Teresa Portela, o lanzador de disco Frank Casañas e a taekwondista Lua Piñeiro, Gustavo Dacal, Saleta
Fernández, Santiago Ferrer, Susana García Senra, Suso González, Belisa González e Víctor Riobó. quen apoian a iniciativa.
"Sodes patrimonio de Galicia e queremos coidarvos", destacou José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, subliñando que o obxectivo é acompañar os deportistas "no día despois" da súa retirada, convertendo a súa experiencia nun activo para as empresas.
O convenio coa CEG inclúe accións concretas:
-
Prácticas formativas: acceso a prácticas de fin de grao ou máster en empresas asociadas.
-
Ofertas de emprego: difusión de oportunidades laborais adaptadas a DAN.
-
Valores empresariais: promoción de habilidades como o traballo en equipo, a resiliencia e a disciplina, adquiridas no deporte, como competencias clave para o ámbito laboral.
Juan Manuel Vieites, presidente da CEG, destacou que "os valores do alto rendemento son transferibles ao mundo empresarial", citando o esforzo, a constancia e a xestión de fracasos como características valiosas. "Galicia ten empresas excelentes que saberán aproveitar este talento", engadiu.
Paralelamente, as consellerías de Deportes e Emprego rubricaron un segundo acordo coa Fundación Deporte Galego para reforzar a Oficina de Atención ao Deportista. Este servizo, pioneiro en España, ofrecerá:
-
Orientación laboral e académica: mediante programas como Emprego Intelixente (EMI), que perfila competencias profesionais.
-
Apoio ao emprendimiento: asesoramento gratuíto a través da Rede de Polos de Emprendemento.
-
Certificacións profesionais: vías para acreditar habilidades adquiridas durante a carreira deportiva.
Teresa Portela resaltou a importancia destas medidas: "A retirada é un abismo. Saber que teremos apoio profesional alivia esa incerteza".
A piragüista, aínda en activo, salientou que Galicia é "un espello" que permitirá a outras autonomías seguir o seu modelo de atención ao deportista.
Diego Calvo, pola súa banda, lembrou que a vida deportiva é "curta" e que, tras ela, moitos atletas enfrontan desafíos profesionais. "Queremos que se sintan moi seguros, que saiban que teñen unha rede e que se lles vai botar unha man" de cara a futuros retos profesionais.
O vicepresidente tamén fixo referencia ao Programa Proade, que xa ofrece asistencia psicolóxica e académica aos DAN.
Pablo Fernández detallou que se realizarán xornadas formativas específicas a través dos Polos de Emprendemento e a intermediación laboral con empresas. O convenio ten unha duración de catro anos.

