Prosi, ambicioso no seu primeiro día como granate: "Llego con la expectativa clara de subir a Segunda"

Pontevedra
20 de xullo 2017

O centrocampista asegura na súa presentación que escolleu a opción de fichar polo Pontevedra polo interese mostrado polo club "desde el principio". É a "penúltima presentación dun xogador do primeiro equipo", adianta Lupe Murillo en relación á única vacante no plantel, a dun dianteiro centro 

Prosi, na súa presentación como xogador do Pontevedra Mónica Patxot

No seu primeiro día como xogador do Pontevedra Club de Fútbol, Diego Álvarez, coñecido futbolísticamente como 'Prosi', mostrou a súa ambición á hora de explicar os motivos polos que aceptou a oferta granate.

"Llego con la expectativa clara de subir a Segunda División", asegurou na súa presentación oficial.

O centrocampista, que as dúas últimas campañas militou no Burgos, asegurou ademais que "vengo porque han puesto desde el principio mucho interés", explicou.

Prosi  "nos va a aportar mucho en la organización de juego", argumentou o conselleiro responsable da parcela deportiva, Roferto Feáns, ademais de polivalencia xa que "he jugado en todos los puestos del centro del campo", completou o futbolista.

As súas primeiras palabras como granate deixaron tamén un recoñecemento á marcha do Pontevedra nas últimas tempadas, nas que se enfrontou como rival, e ao traballo de Luisito en particular, ao asegurar que "estos dos últimos años lo han estado haciendo muy bien y no es casualidad que el equipo haya estado arriba".

O acto celebrado no Estadio Municipal de Pasarón arrincou cunhas breves palabras da presidenta, Lupe Murillo, nas que recoñeceu que "es la penúltima presentación de un jugador del equipo", en referencia á única vacante no plantel, a dun dianteiro centro para cuxa contratación non se marcan prazos.

LUISMI, NOVO ADESTRADOR DO EQUIPO XUVENIL

Doutra banda o Pontevedra anunciou o nome da persoa que se fará cargo finalmente do equipo xuvenil de División de Honra, tras a non continuidade de Óscar Guimeráns. Trátase de Luismi, vello coñecido da casa granate, na que militou como xogador cinco tempadas entre os anos 1998 e 2003.

O vigués, que na súa etapa como futbolista actuaba como defensa central, adestrou a pasada campaña ao Mondariz na categoría de Preferente.