Un punto que sabe a pouco para Rubén Domínguez: "As ocasións máis claras foron do Pontevedra"

Pontevedra
25 de abril 2026

Este empate contra o Celta Fortuna mantén ao conxunto granate en postos de play-off. Rubén Domínguez restoulle importancia e afirmou que "o que asino é na xornada 38 depender de nós"

Partido entre Pontevedra CF e Celta Fortuna en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e Celta Fortuna en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra non logrou a súa terceira vitoria consetuva no derbi contra a Celta Fortuna (1-1). Os granates sumaron un punto que lles mantén nos postos de play-off a falta de catro xornadas.

Tal e como explicou Rubén Domínguez tras o choque, "sempre que sumas nesta liga hai que darlle moito valor. Creo que levamos 14 empates, son moitos puntos". Non escondeu que queda a sensación de "que pena", sobre todo ao explicar que o erro de Miki no tanto rival explícase porque "o mal estado do céspede levantoulle a pelota".

A igualdade reinou nun derbi de alternativas, no que "as ocasións máis claras foron do Pontevedra", explicou o técnico ourensán. "Podiamos pór hoxe o Pontevedra con 55 puntos e ímonos con 53", detallou.

Diego Gómez foi un dos xogadores máis destacados do encontro. O filial celeste atopou na súa banda unha vía pola que atacar, o cal motivou a entrada de Eimil xa que "a Diego liberámolo un pouquiño".

Dos pés do canteirán do Depor naceron algunhas das mellores ocasións que, lamentablemente, non terminaron en gol. O xogador saíu visiblemente afectado: "Ten que levantar a cabeza porque é parte do seu proceso, aprender das cousas que non saen ben".

Este empate mantén ao Pontevedra en postos de play-off, un dato ao que Rubén Domínguez resta relevancia: "Eu o que asino é na xornada 38 depender de nós e na xornada 38 pechalo".

"Agora temos un partido moi difícil, derbi contra o Racing de Ferrol na Malata e hai que prepararse, recuperarse e pór o foco en facer un bo partido alí", detallou o ourensán.

Outro dos factores máis determinantes no derbi deste sábado foi a calor: "Estamos a xogar un segundo contra terceiro clasificado a 30 graos", afirmou Domínguez, que engadiu que "non somos robots, é moi difícil xogar a este ritmo con esta calor".

Terminou a súa comparecencia o técnico do Pontevedra dedicando unhas palabras aos máis de 6.000 aficiondos granates que fixeron a segunda mellor entrada da tempada: "No aspecto emocional, que a bancada che empuxe fai que a cabeza tire do corpo, espero que esta non sexa a segunda mellor e acabe sendo a quinta ou a sexta".

Catro xornadas separan aos lerezanos de cumprir a ilusión do play-off. O vindeiro sábado disputarase unha nova final fronte ao Racing de Ferrol na Malata.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora