Puntuar en Málaga para depender de si mesmos, obxectivo dun Teucro coa auga ao pescozo

Pontevedra
14 de maio 2021

Un empate na pista do líder Trops Málaga permitiría aos azuis afrontar as dúas últimas e decisivas xornadas coa certeza de depender de si mesmos para evitar o descenso á Primeira Nacional

Partido entre o Teucro e o Amenabar Zarautz no Pavillón Municipal Cristina Saiz

Coa auga ao pescozo. Así chega a Sociedad Deportiva Teucro ás tres últimas xornadas de liga, xa que a súa derrota a pasada fin de semana fíxolle caer a postos de descenso a Primeira Nacional.

Os azuis apenas teñen marxe para erro na visita este sábado 15 de maio (19.30 horas) á pista do líder da fase pola permanencia, un Trops Málaga xa salvado con 23 puntos. O  Teucro pola súa banda chega á cita con 15 a un da zona de salvación que marca o Ikasa Madrid e a 3 da UE Sarrià.

Polo menos os de Irene Vilaboa seguen dependendo de si mesmos, xa que na última xornada deben xogar en casa do Ikasa Madrid. Chegar a ese compromiso coas súas opcións intactas é agora o obxectivo.

Para iso, pase o que pase no resto de pistas, será necesario rascar polo menos un punto en Málaga. Só así, aínda que o Ikasa vencese os seus dous partidos antes de verllas co Teucro, os pontevedreses seguirían dependendo unicamente do que fagan, sen mirar ao resto rivais.

Tras a súa viaxe a Málaga, o outro encontro que deben afrontar será ante o xa descendido Trapagaran vasco no Municipal, un choque no que non cabe outra opción que sacar os dous puntos en xogo.