Que lle pasa ao céspede de Pasarón?

Pontevedra
04 de decembro 2023

A mala climatoloxía é o factor principal para o empeoramento do estado do terreo de xogo de Pasarón só uns meses despois de telo cambiado por completo nunha custosa operación, pero non é a única cuestión destacable, e así o reflectiu no seu informe a empresa Royalverd encargada do mantemento para o partido da Selección Española e que xa foi responsable das obras do pasado verán para cambiar o céspede

Un operario traballa no coidado do céspede de Pasarón no descanso do Pontevedra-Compostela
Un operario traballa no coidado do céspede de Pasarón no descanso do Pontevedra-Compostela /

Apenas tres meses despois de acometer unha custosa operación para renovar por completo o céspede do Estadio Municipal de Pasarón, o seu estado empeza a preocupar de novo, e moito, no Pontevedra Club de Fútbol.

"O campo non axudou hoxe moito de cara ao xogo que estamos a facer ultimamente. Estaba un pouco correúdo", recoñeceu tras o encontro fronte ao Compostela unha das referencias do equipo granate, Rufo.

Esta declaración únese ás vertidas pola seleccionadora nacional Montse Tomé o pasado venres tras o España-Italia da Liga de Nacións, cando afirmou que o terreo de xogo "non estaba ben, non é unha escusa, tratamos de dicir que ata iso ímolo superar pero non o conseguimos. Na primeira parte o campo estaba bastante esvaradío".

Pero, que lle pasa entón ao céspede de Pasarón? O informe elaborado pola empresa Royalverd encargada do mantemento do campo para o partido da Selección Española lanza algunhas claves da situación. En base a el de feito decidiuse trasladar os adestramentos oficiais previos de España e Italia a Cambados, para preservar o céspede pensando no encontro internacional. Cabe destacar neste sentido que Royalverd foi a empresa que se encargou no verán de instalar a nova superficie de xogo.

"Actualmente a situación climática que está a acontecer a cidade de Pontevedra non é a mais estable para o mantemento do campo", recoñece no seu informe o enxeñeiro que analizou as condicións actuais da herba. É sen dúbida o aspecto que máis está a castigar o estadio pontevedrés, pero non o único.

"Os datos que nos ofrecen os parámetros biomecánicos non son favorables, estando por baixo dos valores permitidos a nivel de dureza e tracción", explica na súa análise Royalverd.

Ademais critica a altura que tiña a herba de Pasarón, sinalando que "corriximos de forma inmediata a altura do campo a 23 milímetros xa que actualmente está por encima dos 40 milímetros. Altura non recomendable para a práctica do fútbol" e especificando que "as zonas dos porteiros non se atopan coa cobertura correcta".

No seu tratamento a empresa de mantemento explica que para o encontro da Selección Española "realizouse unha fertilización sólida con sulfato amónico para mellorar a cor e a vigorosidade da planta", ademais de picar o terreo de xogo nunha práctica que aconsellan se repita con asiduidade.

A pesar diso, as choivas dos últimos días unidos aos dous encontros disputados con poucas horas de diferenza fixeron efecto no céspede, un problema que herdará agora o Pontevedra debido a que o compromiso da Real Federación Española de Fútbol era asumir o mantemento tres días antes e ata tres despois do España-Italia, isto é ata este luns 4 de decembro.