Quique Cubas dá a vitoria ao Arosa que vence ao Dorneda (1-0) e ao carnaval

O Salnés
09 de marzo 2014

Pouco fútbol e escasas ocasións nun partido aburrido resolto por un bo gol. A coincidencia co desfile de carnaval restou afeccionados nas bancadas da Lomba

Os brasileiros aman tres cousas sobremanera na vida: a samba, o carnaval e o "futibol" (termo utilizado polos seguidores canarinhos en vez do británico football). Polo que se viu na Lomba o domingo de Piñata, os últimos rescaldos do carnaval non lle sentaron nada ben os participantes no encontro entre o Arosa e o Dorneda.

A minguada afección arosista presente, debido á coincidencia co desfile de carnaval aprazado o pasado martes, non se pode dicir que gozase do xogo despregado por ambas as dúas escuadras nun recuperado céspede con respecto a confrontacións anteriores.

Moi poquito que contar sobre o que se viu. O primeiro tempo para esquecer, salvo a oportunidade moi clara que gozou o capitán Rivas, á saída dun corner, disparando alto e encontrándose só na área grande no minuto 40.

O bo gol conseguido por Quique Cubas, no minuto 11 da segunda parte, sumado aos cambios efectuados polo míster local, conseguiu elevar o nivel de ataque do equipo arlequinado, sobre todo pola banda dereita, onde o bo traballo realizado por Santi permitiu que se creasen varias ocasións claras de gol, que en caso de converterse tivesen evitado o susto de última hora (xa na prolongación do encontro), na única ocasión clara que dispuxeron os rapaces de Brizzola en todo o partido.

Ao final, e tras escoitar o berro dalgún afeccionado arosista e merengón "árbitro pita ou final que chegamos tarde a ver ou Madrí", a inchada arosista foi abandonando A Lomba pensando que o mellor do partido son os tres puntos que quedan na casa e pensando: "menos mal que xa se remataron os Carnavais".

AROSA SC (1): Jorge Pérez; Martín, Jose Ángel, Munín (Santi, min. 55), Alfonso; Rivas, Nando, Jesu, Pablo Pillado (Jonathan, min. 73), Eloy; Quique Cubas (Ramón, min. 86).

CD DORNEDA: Guillermo; Martín, Jorge, Adrián Bouza, Saúl (Geri, min. 69), David Piña, Gabi (Cristóbal, min. 73), Dapo, Iago, Mon e Manu.

Árbitro: José Ramón Jiménez Alberte (Ourense) auxiliado nas bandas por Gerardo García Iglesias e Adrian Dacal Rodríguez. Amoestou a Jorge Pérez, Martín, Pablo Pillado e Jesu, polos locais, e a Iago e ao adestrador, Carlos Brizzola, polo Dorneda.

Goles: (1-0) Minuto 55: Quique Cubas.

Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía de Arousa). Uns 450 espectadores.