Quique Cubas e Adrián Camiño sentencian o Choco (2-0) levando o Arosa ao liderado

O Salnés
19 de outubro 2014

O equipo redondelano mereceu moito máis pero estivo desacertado no remate. Os de Piscis non perden dende a primeira xornada de liga e suman oito consecutivas sen coñecer a derrota

Un momento do partido de pretempada entre Arosa e Coruxo na Lomba

O fútbol esta baseado nunha premisa clara: o que perdoa case sempre perde, e esta circunstancia volveuse repetir na Lomba. Un equipo perfectamente traballado e moi consistente como o Choco, deixou clara mostra de que a súa posición na táboa non é casualidade. Non obstante a clave deste xogo que é o gol quen a gozou foi o equipo arlequinado.

E non foi un gol calquera, sobre todo o primeiro. Unha chilena de costas a portaría executada maxistralmente por Quique Cubas, que dende o primeiro momento que debuxa o disparo se ve a traxectoria cara á escuadra do marco do equipo de Redondela, sen que o seu porteiro poida facer máis que recoller o balón das mallas.

A partir deste momento o equipo de Jacobo Montes, animado por unha nutrida afección, que en todo momento entoou cánticos de alento, fíxose dono do partido cunha porcentaxe de posesión de balón alto. Non obstante as ocasións que se derivaron dese xogo non deron o seu froito polo desacerto dos seus dianteiros.

Nesta linea comezou a segunda parte, quizais cun dominio por parte visitante aínda maior, pero as súas claras ocasións falidas determinaron o marcador final.

O Arosa soubo aproveitar a súa oportunidade, sentenciando na recta final por medio do capitán, Adrian Camiño, que volveu a demostrar a calidade que atesouran as súas botas ao sacar de forma moi contundente un disparo seco que cruzou a barreira de defensores visitantes sorprendendo á súa meta, para facer o segundo gol da tarde.

En definitiva, partido moi dinámico na súa primeira parte e con dominio visitante na segunda. O Arosa arrebata o primeiro posto da táboa ao cadro redondelano e suma a oitava xornada consecutiva sen coñecer a derrota, xa que os de Piscis non perden dende o partido inaugural do campionato.

AROSA SC (2): Jorge Pérez; Juanjo, Juan Rodríguez, Martín, Nano; Vixo, Pablito (Javi Pazos, min. 73); Nando (Eloy, min. 56), Adrián Camiño, Esteban Capelo (Alfonso, min. 69); e Quique Cubas.

CD CHOCO (0): Cortegoso; Yago Vázquez, Cris, Lucas, Carminatti; Muíños (Fernando, min. 84), Xosé; Pablo Piñeiro, Rober (Comis, min. 61), Hugo; e Aitor Gómez (Albert, min. 66).

Árbitro: Fernando Formoso Sánchez (Ferrol), auxiliado nas bandas por José A. Rodríguez Dopico e Raquel Ortega Orge. Amoestou a Adrián Camiño polo conxunto local e a Muíños, Cris, Lucas e Pablo Piñeiro, polos visitantes.

Goles: (1-0) Minuto 11: Quique Cubas. (2-0) Minuto 83: Adrián Camiño.

Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía de Arousa). Uns 900 espectadores.