Primeira decisión do Arosa SC tras certificar o seu descenso a Terceira RFEF na última xornada da competición ligueira.
O club arlequinado comunicou este xoves que Rafa Sáez deixa de ser o director deportivo do primeiro plantel.
Deste modo e despois dun ano no cargo, o pontevedrés dá un paso cara a un lado apartándose da planificación deportiva.
Sáez foi protagonista desde o banco do ascenso do Arosa a Segunda RFEF, pero declinou seguir adestrando ao equipo para centrarse na planificación dende os despachos.
Esa nova etapa chega agora ao seu fin despois dun ano complicado no deportivo no que o club de Vilagarcía pelexou ata o último minuto da última xornada de liga pola permanencia na cuarta categoría do fútbol nacional.