Espectacular mañá de atletismo no barrio pontevedrés de Monte Porreiro coa terceira edición da súa carreira pedestre, o Gran Premio UNED.
O bo tempo acompañou e a cita deportiva, segunda parada do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), non defraudou con case medio milleiro de atletas na súa categoría absoluta (os inscritos eran 544).
Ás 12:00 horas do mediodía deuse a saída á proba dende O Miradoiro para afrontar 8.000 metros repartidos en dúas voltas nos que o máis rápido foi Rafael Fuentes, cun tempo de 25 minutos e 23 segundos.
Segundo entrou Víctor Riobó (26:01) e terceiro foi Iván Docampo, completando o podio da categoría masculina.
Na feminina a gañadora foi Leticia Fernández (30:53) seguida de María del Rosario Figueroa (32:33) e Aida Blanco (34:12).
A xornada completárona as categorías inferiores, que protagonizaron carreiras de distancia variable segundo a idade antes da saída principal.
As clasificacións completas poden consultarse na web www.championchipnorte.com.