A Copa de España de Ciclocrós deu comezo coa disputa en Asturias do XV Trofeo Villa de Gijón.
Até alí desprazouse cunha nutrida representación o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, disposto a plantar batalla sobre todo ao gran favorito na categoría elite masculina, Kevin Suárez.
O certo é que os prognósticos se cumpriron nun circuíto no que fixo presenza o barro, pero no que o Froiz logrou remontando o seu primeiro podio da tempada invernal.
Fíxoo por medio de Raúl Mira, que subiu ao terceiro chanzo xeral da carreira absoluta e como mellor sub-23, o que lle outorga o liderado provisional nesta categoría.
O alacantino do Froiz chegou a meta a 40 segundos do vencedor, Kevin Suárez, e a só 5 do segundo posto que ocupou Mario Junquera.
Cuarto foi outro ciclista do Froiz, Gonzalo Inguanzo, mentres que Miguel Rodríguez foi sétimo.
Pola súa banda en categoría feminina estreábase co ciclocrós Tamara Seijas, finalizando no posto 18 nunha carreira na que Marís Filgueiras (XSM de Marín) fua a cuarta mellor sub-23 co oitavo posto absoluto.
Tras a súa estrea a Copa de España vivirá a súa segunda cita puntuable en Marín o vindeiro domingo 12 de outubro, coa celebración do Ciclocrós Internacional XaxánCX.