Un Ravachol en cadro cae contra o IES La Orden no 'desterro' da Estrada

Pontevedra
10 de febreiro 2025
Actualizado: 13:08

A ausencia de última hora de Lisa Curtin, xunto coas lesións de Georgina Bland e Iziar Barcala, impediron que o equipo puidese completar a súa aliñación

Formación do Ravachol na xornada de liga contra o IES La Orden Bádminton Ravachol Pontevedra

Derrota do Club Bádminton Ravachol Pontevedra na súa sexta xornada da tempada na División de Honra.

O equipo pontevedrés, condicionoado polas numerosas baixas coas que chegaba á cita, foi superado polo IES La Orden no seu particular 'desterro', xa que tivo que afrontar a xornada como local no pavillón Coto Ferreiro da Estrada.

O resultado entre dous conxuntos que chegaban empatados na clasificación (2-5) ten moito que ver coa ausencia de última hora de Lisa Curtin, por motivos persoais, e as lesións de Georgina Bland e Iziar Barcala, que tivo que retirarse ao comezo do seu partido.

Todo iso impediu que o Ravachol puidese completar a súa aliñación, afectando seriamente as súas opcións.

O enfrontamento comezou co dobres mixto, onde Jacobo Fernández e Carmen Carro pouco puideron facer ante a experimentada parella onubense formada por Pablo Abián e Haidee Ojeda, cedendo por 4-11, 6-11 e 8-11.

Sen poder competir no dobres feminino, no masculino Gabriel e Jacobo Fernández caeron en cinco mangas contra a parella formada por Alejandro Pérez e o polaco Milosz Bochat.

As boas noticias para o Ravachol chegaron nos partidos individuais, nos que debutou con vitoria Raúl Bergua vencendo a Álvaro Morán (11-7, 10-11, 11-7 e 11-7). Tamén sumou un punto Gabriel Fernández gañando a Alejandro Pérez, pero Carmen Carro cedeu ante a internacional Vivien Sandorházi e Iziar Barcala tivo que retirarse nos primeiros puntos do seu partido ante a búlgara Stefani Stoeva.

A pesar deste resultado o Bádminton Pontevedra mantense terceiro na clasificación e coa permanencia en División de Honra practicamente asegurada.

"A praga de lesións e a baixa de última hora de Lisa condicionáronnos demasiado. Noutro contexto poderiamos dar a sorpresa, pero así é o deporte. Agora toca recuperar os lesionados e prepararnos para o duelo clave contra As Neves o 8 de marzo. Se gañamos, aseguraremos matematicamente a permanencia en División de Honra", valorou tras o enfrontamento o o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.