Dolorosa derrota do Club Cisne Balonmán nun partido no que foi de menos a máis. Os locais chegaron a ir seis goles por debaixo, reaccionaron nos minutos finais, pero foi insuficiente.
Empezou o partido con dificultades para o conxunto pontevedrés, ao que lle custaba bater a un gran Kilian Ramírez que se encargaba de manter a cero a súa portaría ata pasados os cinco minutos.
O marcador mostraba un 0-4 e Víctor Fernández, desde os sete metros, logrou abrir o marcador para os locais, cambiando entón a dinámica do seu equipo, que non lle perdeu a cara ao enfrontamento e reduciu distancias en dous goles grazas ao xogo rápido nos contragolpes.
Con todo, o Proin Sevilla non se atopaba con problemas para anotar e, en defensa, continuaba moi firme para causar serios problemas e abrir a primeira ferida seria para o Cisne (7-13, min. 21).
Necesitaba unha reacción urxente o equipo de Quiños e conseguiu frear a hemorraxia favorecido polo baixón dun rival que empezou a errar nos seus lanzamentos e así porse a un gol do empate cando quedaban cinco minutos para o descanso (13-14).
Tentaron os brancos manter esa pequena diferenza, pero o equipo visitante, por medio de Juan Reynaldo, fixo o 16-18 co que puxo fin ao primeiro acto.
O inicio do segundo tempo foi un fiel reflexo do arranque do primeiro. O Proin impuxo o seu ritmo para volver escapar no marcador e o Cisne pasou a errar en exceso en ataque (19-24).
Parou o tempo o técnico cisneísta, pero o seu equipo seguía sendo incapaz de elaborar xogadas, mentres os sevillanos colocaban o +6 no marcador cando o partido entraba nos últimos 15 minutos (20-26).
Necesitaban os brancos unha reacción urxente e optaron por unha defensa aberta e arriscada que, finalmente, produciu efecto (28-29).
Era un partido novo e todo podía pasar. Rooney apareceu en portaría e o ataque visitante decaeu por completo a pesar de baleirar a portaría para xerar superioridade numérica.
Restaba pouco máis dun minuto, o marcador mostraba un 31-32 e atacaba o Proin Sevilla. Os brancos debían asegurar a defensa, pero o colexiado pitou sete metros e mandou a Iván Calvo ao banco. Alberto Ruiz fixo o 31-33, o Cisne atacou, pero Kilian detivo. Atacaron os visitantes e, a falta de cinco segundos, Alberto Ruiz anotou o 31-34 para selar a vitoria do seu equipo e igualar o gol average.
Consulta neste enlace as estatísticas