O Club Cisne Balonmano xa ten rival para a segunda rolda de Copa do Rei.
O conxunto pontevedrés recibirá no Pavillón Municipal ao BM Torrelavega, segundo clasificado en División de Honra con 10 triunfos en 15 partidos disputados.
A eliminatoria será a partido único o mércores 5 de marzo en horario aínda por definir
O resto de emparellamentos desta rolda son EON Alicante - Impulse BM Guadalajara, Dólmenes Antequera - Blendio Sinfín Santander, Balonmano Alcobendas - Servigroup Hoteles Benidorm, ID Energy Caserío - Frigoríficos Morrazo e UBU San Pablo Burgos - REBI Balonmano Cuenca.
DERBI PROVINCIAL ANTE O NOVÁS
O conxunto branco visita este domingo (18:30 horas) ao Valinox Novás no Rosal, un derbi que se prevé "moi complicado e axustado" no que o Cisne buscará conseguir os dous puntos.
O equipo lerezano, a pesar de chegar á cita necesitado de puntos, está "nun bo momento de forma e coa xente echufada. Tentaremos confirmalo e seguir con esta liña este fin de semana", indicou o segundo adestrador, Roi.
Para el, "a clave estará en como nos adaptemos ao clima. Debemos igualar a intensidade do rival e madurar os ataques. Teñen unha defensa correúda, por iso temos que cometer poucos erros e ser sólidos".