Real Madrid, Baskonia, Valencia Basket e Breogán, no cartel do X Torneo EncestaRías de baloncesto

Pontevedra
24 de xullo 2025
Actualizado: 12:19

Por terceiro ano consecutivo o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá o torneo de pretempada. Será os días 19 e 20 de setembro

'Dream Game' de baloncesto entre Real Madrid e Mónaco no Municipal
'Dream Game' de baloncesto entre Real Madrid e Mónaco no Municipal / Mónica Patxot

Cartel de luxo para o X Torneo EncestaRías de baloncesto, que por terceiro ano consecutivo celebrarase no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.

A cita terá lugar os días 19 e 20 de setembro, cun cuarteto de equipos da Liga ACB.

O que xa é por méritos propios un dos mellores torneos de pretempada a nivel nacional e mesmo europeo contará nesta ocasión co Real Madrid, Baskonia, Valencia Basket e Río Breogán.

Despois de conseguir o pasado ano que o Real Madrid regresase tres décadas despois á provincia de Pontevedra, o campión da Liga ACB volve ao EncestaRías por segundo ano consecutivo.

Súmanselle dous equipos que competirán tamén na Euroliga como Baskonia e Valencia Basket xunto ao máximo representante do baloncesto galego, o Breogán lugués.

Xunto ao cartel de tan alto nivel configurado a organización avanza que traballa en máis sorpresas para un evento deportivo que creceu "paso a paso grazas ao apoio público e privado, pero sobre todo grazas á demanda crecente dos afeccionados ao baloncesto", aseguran.

A venda de abonos e entradas para cada unha das dúas xornadas comezará o 1 de agosto de maneira online. Poderase realizar de maneira virtual a través da plataforma Ataquilla de Abanca.

Pola súa banda a venda física arrincará uns días despois nas tendas de deportes Goleada de Pontevedra e Mobu en Vilagarcía.