Rebaixa nas entradas do Pontevedra para celebrar o seu 80 aniversario

Pontevedra
13 de outubro 2021

O club granate publicou os prezos das entradas para o encontro que lle medirá o vindeiro sábado 16 de outubro, día do seu 80 aniversario, á UD Llanera, e fíxoo cunha rebaixa substancial con respecto ás primeiras xornadas de liga

Fondo Norte de Pasarón no partido de liga entre o Pontevedra o Arenteiro
Fondo Norte de Pasarón no partido de liga entre o Pontevedra o Arenteiro / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol está este sábado 16 de outubro de aniversarios, nin máis nin menos que coas súas 80 primaveras, e faino coincidindo coa disputa da sétima xornada de liga da Segunda RFEF que lle medirá (19.00 horas) á UD Llanera.

Ante semellante efeméride, e tentando mellorar a asistencia ao Estadio Municipal de Pasarón agora que quedaron atrás as restricións de aforo, a entidade granate decidiu rebaixar o prezo das entradas para o público xeral.

Desta forma ante os asturianos os billetes fixáronse en 20 euros na bancada de Tribuna, 10 euros en Preferencia e 8 euros nos fondos, en lugar dos 25 e 15 euros (Preferencia e fondos) dos primeiros encontros de liga na casa.

En canto aos menores de 16 anos, as súas entradas custarán 15 euros en Tribuna e 5 euros en Preferencia e fondos.

Ademais, só na bancada de Tribuna, os socios do Pontevedra poderán retirar unha entrada para un acompañante por 15 euros para adultos e 10 euros para menores de 16.