Recibimento municipal a Guillermo García, presente e futuro do ciclismo pontevedrés

Pontevedra
05 de setembro 2017

O mozo ciclista pontevedrés, recentemente proclamado campión de España junior contrarreloxo, foi recibido este martes polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lorez, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro

Recepción no Concello ao ciclista Guillermo García Concello de Pontevedra

Foron meses de duro adestramento que finalmente tiveron resultado co seu título de Campión de España contrarreloxo na categoría junior.

Agora, o pontevedrés Guillermo García pensa xa no salto á categoría sub-23 e nos seus próximos retos, co obxectivo a medio prazo de cumprir o seu soño e chegar a ser profesional.

O ciclista do Bathco foi recibido este martes no Concello de Pontevedra polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, que lle felicitaron polo seu recente éxito.

Ambos, do mesmo xeito que o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, arrouparon a un corredor que se situou por méritos propios como unha das grandes promesas do ciclismo autonómico.

No recente nacional da súa categoría, celebrado en Valladolid, Guillermo García rozou tamén o podio na proba en ruta, ao xogarse o título nun reducido sprint de seis ciclistas e ser cuarto na liña de meta.