Recoñecemento póstumo da Xunta e a Federación Galega de Loita a Alexander Kachelaev

Pontevedra
02 de novembro 2023

O vicepresidente e conselleiro de Deportes, Diego Calvo, reuniuse con Tatiana Katchelaeva, viúva do técnico de loita Alexander Kachelaev, falecido hai un ano, para facerlle entrega da medalla de ouro da Federación Galega de Loita

Entrega a título póstumo a Alexandre Kachelaev da medalla de ouro da Federación Galega de Loita
Entrega a título póstumo a Alexandre Kachelaev da medalla de ouro da Federación Galega de Loita / Xunta de Galicia

Hai un ano do falecemento de Alexander Kachelaev pero a súa figura segue moi presente na loita galega, tanto que este xoves a Xunta entregoulle á súa viúda, Tatiana Katchelaeva, a medalla de ouro da Federación Galega de Loita.

No encontro participaron ademais o presidente da Federación, José Luis Olazábal, o cónsul honorario da Federación Rusa en Galicia, Pedro Mouriño, e Rubén Méndez, técnico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

O representante do goberno autonómico expresou a Tatiana Katchelaeva o agradecemento de Galicia ao labor do seu marido durante tres décadas na formación de deportistas galegos de alto nivel no CGTD.

Este recoñecemento súmase ao que Alexander 'Sasha' Kachelaev recibiu no ano 2017, cando lle foi concedida a distinción ao Mérito Deportivo de Galicia.