A transformación integral do pavillón municipal de Tenorio será unha realidade tras a aprobación do proxecto de acondicionamento da súa estrutura e envolvente.
A actuación permitirá modernizar esta infraestrutura deportiva, unha das máis importantes do municipio, mellorando a súa eficiencia enerxética e a súa seguridade, á vez que se adapta ás necesidades dos clubs, centros educativos e persoas usuarias que a utilizan.
Entre os plans de mellora, o Concello de Cerdedo Cotobade ten previsto renovar completamente a envolvente exterior do edificio e mellorar as condicións estruturais da instalación.
O obxectivo é incrementar a eficiencia enerxética, reducir custos de mantemento e ofrecer unha imaxe renovada e moderna dun dos principais equipamentos deportivos do municipio.

Para levala a cabo, o goberno local mobilizará 987.796,22 euros, dos cales a metade serán solicitados ao amparo da Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinada á distribución do fondo adicional do fondo de Cooperación Local para investimentos municipais de carácter estratéxico.
A iso súmase a subvención xa concedida pola Deputación de Pontevedra a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cunha achega de 110.872,93 euros.

"Estamos ante unha das inversións máis importantes realizadas nunha instalación deportiva municipal. O pavillón de Tenorio converterase nun espazo máis moderno, eficiente, seguro e preparado para responder ás necesidades actuais e futuras dos nosos deportistas e das familias que fan uso destas instalacións", sinalou o alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela.
O rexedor tamén quixo destacar a "ampla" folla de ruta que segue o goberno local para modernizar as infraestruturas municipais co obxectivo de que "os nosos veciños conten con instalacións de referencia e o deporte sexa unha ferramenta de cohesión social, de saúde e de dinamización do territorio".
Unha vez completada a tramitación administrativa e garantida o financiamento necesario, o Concello avanzará na contratación das obras para iniciar unha actuación que, segundo o Concello, "marcará un antes e un despois" no municipio.