Aprobado o acondicionamento do Pavillón de Tenorio e o viario Caroi-Cerdedo

Cerdedo Cotobade
28 de maio 2026

O Pleno de Cerdedo Cotobade aprobou unha batería de proxectos entre os que que se recolle a nova ordenanza de limpeza, residuos ou a regulación dos espazos termais dos Baños do San Xusto

Pleno de Cerdedo Cotobade
Pleno de Cerdedo Cotobade / Concello de Cerdedo Cotobade

O Pleno do Concello de Cerdedo Cotobade aprobou o proxecto de acondicionamento da estrutura e envolvente do Pavillón Municipal de Tenorio, unha actuación que mobilizará un investimento total de 987.796,22 euros e que permitirá mellorar de forma integral unha das principais infraestruturas deportivas do municipio.

Para realizar a actuación solicitarán unha achega á Xunta de Galicia de 493.398,11 euros, equivalente ao 50% do investimento total, dentro da convocatoria do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a infraestruturas municipais de carácter estratéxico. O proxecto xa recibira unha subvención de 110.872,93 euros da Deputación de Pontevedra, dentro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

O acordo inclúe tamén a aprobación definitiva do proxecto técnico e a delegación na Alcaldía das competencias para tramitar a contratación das obras e a xestión administrativa da subvención e do investimento.

A sesión serviu ademais para aprobar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do viario entre Cerdedo e Caroi que permitirá avanzar na conexión viaria e que suporá un investimento de 3,5 millóns de euros.

O expediente contou coa tramitación ambiental, informes sectoriais e exposición pública, culminando agora coa aprobación definitiva do plan e a súa remisión ao Rexistro de Plan Urbanístico de Galicia. Esta aprobación finaliza un proceso iniciado en 2019.

O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, valorou a importancia de conseguir esta modificación urbanística "difícil e tediosa pero necesaria para facer realidade esta infraestrutura".

Con esta aprobación, o seguinte paso será iniciar o procedemento de expropiación dos terreos afectados que abarca 265 cabeceiras de hipotecas e para o que o Concello ten reservada unha partida de 120.000 euros.

Posteriormente executarase a obra do novo viario, cun investimento previsto de 3,5 millóns de euros.

O acordo aprobado tamén contempla a publicación do contido do plan no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición no Rexistro de Plan Urbanístico de Galicia, así como a notificación individual ás persoas titulares dos terreos afectados.

Xunto a esta actuación, o Pleno aprobou unha serie de medidas relacionadas co avance dos servizos públicos, a protección ambiental, a convivencia cidadá e o apoio ao tecido social do municipio.

Entre eles está a aprobación inicial da nova Ordenanza reguladora da xestión da limpeza e protección do medio ambiente, un texto normativo que reforzará as condicións de salubridade, seguridade e ornato público en todo o termo municipal.

A norma incorpora medidas para a limpeza de espazos públicos e privados, a xestión da biomasa, a prevención de incendios forestais e a regulación das plantacións, ademais dun réxime sancionador para os incumprimentos.

Tamén saíu adiante a aprobación do servizo de recollida e xestión de residuos, adaptada á normativa estatal e autonómica en materia de economía circular e reciclaxe. Este regulamento introduce medidas para fomentar a recollida selectiva, regular o tratamento de residuos especiais e mellorar o funcionamento dos puntos limpos.

A regulación dos espazos termais situados en dominio público municipal referido aos Baños do San Xusto tamén foi aprobada, establecendo unha serie de condicións de uso, normas de convivencia e recomendacións sanitarias para garantir a seguridade das persoas usuarias e a conservación destas instalacións. Tamén se establecen sancións en caso de incumprimento por parte dos usuarios.

Así mesmo, acordouse a adhesión do Concello á Rede contra o acoso escolar, co obxectivo de reforzar a coordinación entre administracións e centros educativos para actuar de forma preventiva fronte ao acoso e ciberacoso escolar, así como a proposta para a continuidade de Benito Logroño García como xuíz de paz titular de Cerdedo Cotobade.

A corporación tamén deu luz verde ao comezo dos expedientes para a cesión de distintos inmobles municipais a asociacións veciñais do concello, entre os que figura a cesión da antiga Escola de Nenos de Caroi á Asociación Sociocultural Deportiva de Veciños e Amigos de Santiago de Caro por un período de vinte anos e a cesión da Escola de Aguasantas á Asociación de Veciños Penelas de Aguasantas para usos sociais e comunitarios.

O Pleno abordou cuestións económicas, administrativas e actualizacións nas bases de execución do orzamento municipal e distintos expedientes de planificación e control financeiro.

A sesión finalizou co debate de varias mocións presentadas polos grupos políticos municipais, entre as que destaca a reforma integral da N-541 ao seu paso polo municipio e iniciativas vinculadas á mobilidade sostible.