Os traballos de bacheo e reparación nos distintos viarios de Cerdedo Cotobade afectados polos últimos temporais xa comezaron.
A actuación conta cun investimento total de 150.000 euros financiados con fondos propios municipais e permitirá actuar nos puntos máis deteriorados da rede. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e garantir unhas condicións axeitadas de circulación para vehículos e peóns.
Os informes técnicos municipais recollen que as intensas choivas dos meses de inverno provocaron importantes danos en numerosos viarios do municipio, xerando fochancas, afundimentos e deterioracións que comprometen a seguridade e a funcionalidade das estradas.
Desde o Goberno municipal sinalan que están a priorizar as actuacións nos puntos máis urxentes e con maior afluencia ao tránsito, especialmente ante a celebración do Rally de Pontevedra e o incremento de circulación previsto nestas datas.
O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, destacou que "o importante é resolver os problemas dos veciños e actuar con responsabilidade e eficacia cando aparecen incidentes deste alcance".
Neste sentido, subliñou que "desde o primeiro momento traballouse na avaliación dos danos, na tramitación administrativa e na contratación das obras para poder actuar coa maior rapidez posible".
Cubela incidiu tamén en que "as estradas non se arranxan con publicacións oportunistas en redes sociais, senón con xestión, compromiso e actuacións concretas, regradas e documentadas" e engadiu que "o Concello seguirá actuando nos distintos puntos da rede municipal para garantir a seguridade e o bo estado das comunicacións no rural".
As obras teñen un prazo estimado de execución de dous meses.