A reforma do terreo de xogo de Pasarón chega ao Parlamento

Pontevedra
18 de marzo 2026

O Partido Socialista levou á Comisión Institucional do Parlamento a proposta aprobada nun recente pleno municipal, pero atopou coas reticencias do grupo popular

Operarios revisando o céspede de Pasarón o mércores 28 de xaneiro de 2026
Operarios revisando o céspede de Pasarón o mércores 28 de xaneiro de 2026 / Cristina Saiz

A situación do terreo de xogo do Estadio Municipal de Pasarón, e a petición de axuda para acometer unha reforma integral do sistema de drenaxe que solucione definitivamente os problemas de mantemento do mesmo, chegou este mércores ao Parlamento de Galicia.

O Partido Socialista, de man da súa deputada Paloma Castro, levou este debate á Comisión Institucional apoiándose na proposta aprobada nun recente pleno municipal, defendendo que Pasarón é un "estadio que se entregou sen rematar e cheo de deficiencias".

Entre elas citou enchufes que non funcionan por non estar conectados á rede eléctrica, billas de auga de adorno, unha megafonía "máis propia dunha feira que dun estadio de fútbol", a iluminación con torres provisionais de obra ou unha cuberta que "prometía protexer toda a bancada da choiva".

"Pero se algo deixa en evidencia esta chapuza de obra foi o terreo de xogo. Desgrazamente moitas veces no canto dun campo parece unha lameira", defendeu Castro asegurando que "afecta ao xogo, á competición e o máis importante á saúde dos xogadores polo risco de lesións".

Todo por contar cunha capa de grava insuficiente, unha malla drenante obstruida, falta de inclinación para evacuar a auga e falta tamén dunha canalización perimetral eficaz.

Paloma Castro defendeu que a solución pasa por "refacer completamente o terreo de xogo e o seu sistema de drenaxe" nunha actuación valorada entre os 300.000 e 400.000 euros para a que se pide o apoio da Xunta de Galicia tratando igual a Pontevedra que "a outras cidades galegas".

Comisión Institucional del Parlamento de Galicia
Comisión Institucional do Parlamento de GaliciaParlamento de Galicia

A proposta contou co apoio do grupo parlamentario do BNG, representado por Luís Bará, afirmando que "é necesario levar a cabo estas actuacións para xogar nun campo de fútbol e non nuha lameira" e lembrando que a reforma do estadio "pasou de 7,2 a 17 millóns de euros, con numerosas deficiencias e vicios ocultos como este, a mala execución do terreo de xogo e o sistema de drenaxe".

Con todo a proposta presentada foi rexeitada polo Partido Popular, explicando o deputado Raúl Santamaría que ao seu xuízo "o primeiro que ten que facer o goberno local de Pontevedra e ver cales son esas causas, ver cales son as posibles actuacións e logo poder valorar se é necesaria unha achega por parte da Xunta de Galicia".

O popular xustificou este posicionamento en que "escoitabamos hai unhas semanas á propia presidenta que dicía que temía que o problema no veña do campo senón do saneamento da contorna".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora