O Concello de Pontevedra celebrou este luns 16 de febreiro a sesión plenaria na Casa Consistorial, na que se debateron unha serie de medidas, na súa maioría urbanísticas, acompañadas dalgún que outro momento tenso e de confrontación.
Un dos principais acordos foi a aprobación por maioría da proposta lanzada polo portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, para realizar obras na rede de sumidoiros da rúa Fernando Olmedo e na contorna do Santo, nos Praceres, dous puntos críticos da cidade nos que son recorrentes as inundacións.
A iniciativa saíu adiante cos votos favorables do PP e do Partido Socialista, e os votos en contra do BNG, ao que acusan de non dar resposta a esta "situación complexa que este ano se ve semana tras semana".
O concelleiro de Obras e Infraestruturas, César Mosquera, defendeu que "por riba de todo está solucionar os problemas", aínda que advertiu da dificultade técnica de ambas as dúas actuacións. No caso de Fernando Olmedo, o problema é que o río está desviado da canle orixinal e "habería que levantar o CGTD", mentres que a zona do Santo está afectada pola sentenza do Tribunal Supremo sobre o tren ao porto de Marín. A pesar diso, Mosquera mostrouse "optimista" e confiou en que "a solución definitiva estea bastante próxima".
O Pleno aprobou por unanimidade a proposta do Partido Popular de recuperar o circuíto de carreiras en Pontevedra, un espazo que, segundo o edil popular Guille Juncal, serviría para fomentar a actividade física nos pontevedreses e "estender as probas deportivas a parroquias e barrios".
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, subliñou que esta medida daría "máis publicidade e visibilidade" á cidade, mentres que o socialista Manuel Fariña lembrou que clubs como a Sociedad Gimnástica ou o Atletismo Rías Baixas xa reclamaran esta iniciativa. Suxeriu "revisar entre todos as rutas saudables e dinamizalas" ao considerar necseario contar con percorridos sinalizados con diferentes distancias, dificultades e niveis.
Tamén por unanimidade, a Corporación municipal deu luz verde á petición do PSOE para actuar no Estadio Municipal de Pasarón e arranxar a "chapuza" que fixo a Deputación gobernada polo PP. Os socialistas calculan que a actuación tería un custo de até medio millón de euros e propoñen solicitar axuda económica tanto á Xunta de Galicia como á Deputación de Pontevedra.
No caso do portavoz popular, Rafa Domínguez, insistiu en que "la Deputación tiene que estar" na actuación e ten que "ayudar a resolver el problema".
Outro punto que tivo o consenso do tres grupos foi a moción do Partido Popular para dotar a Pontevedra dun parque infantil cuberto para que os nenos e nenas pontevedreses poidan xogar os 365 días do ano, independientementemente das condicións meteorolóxicas.
A concelleira popular Raquel Martínez defendeu a necesidade deste equipamento, que tanto PSOE como BNG cualificaron como "necesario". É, ademais, "unha das necesidades pendentes en canto a áreas de xogo na cidade", tal e como apuntou Iván Puentes.
Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, cualificou a proposta de "construtiva", pero advertiu de que este tipo de instalación require un estudo técnico previo e que colocar unha cuberta nun parque xa existente "é moi difícil", polo que a opción máis viable sería "facer un novo que se adapte á localización".
Tamén se aprobou, co apoio de BNG e o PSOE e a abstención do PP, a solicitude do goberno local á Xunta de Galicia de anular a resolución aprobada o pasado 25 de novembro de 2025 pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se concede a autorización administrativa previa para a construción do parque eólico da Serra da Fracha.
O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, advertiu de que o proxecto "afecta a unha das actuacións xa realizadas na Fracha e na que están implicadas as comunidades de Marcón, Canicouva e Tomeza" e denunciou que durante a tramitación "se cometeron infraccións nos trámites administrativos".
Finalmente, o Pleno debateu sobre a proposta do Partido Socialista de comprar o Cine Gónviz e convertelo nun centro cultural, co fin de evitar a súa desaparición.
Puentes defendeu que o Concello "ten que intervir para salvar o Gónviz e tratar de adquirilo competindo libremente". O PSOE expón contactar co propietario do cine e "facer o esforzo para evitar que se execute a obra" e se converta nunha clínica sanitaria "que pode estar en calquera outro lado".
Para o BNG esta proposta ten "dificultades urbanísticas que complican que se poida converter non que se propón", especialmente pola imposibilidade de habilitar unha saída de emerxencia directa á rúa. "Non existe capacidade urbanística para facelo. Non é o mesmo unha saída de emerxencia para 100 persoas que para as centos que abarcaría o centro. Temos que ser serios, xestionamos fondos públicos e temos que ser respectuosos", sinalou.
O grupo popular, pola súa banda, cualificou a iniciativa de "ocurrencia" e cuestionou o momento elixido para expola. Dominguez aclarou que "no nos oponemos", pero considerou que "sin saber el precio, sin saber temas jurídicos, legales y arquitectónicos, es difícil posicionarse".
Finalmente, a proposta socialista foi aprobada por maioría simple ao contar unicamente cos votos a favor do PSOE e a abstención de BNG e PP.

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.